QUE?
Non é o de sempre é un proxecto de comunicación dirixido á xuventude galega. Non pretendemos ser unha mera copia das páxinas “culturetas” dos xornais. Queremos escribir cun pouso de subxectividade e frescura sobre a cultura que nos interesa á xente nova.
Propostas distintas en cine, gastronomía, viaxes, música, ocio urbano e literatura irán enchendo de contidos esta xanela virtual que se abrirá de luns a sábado para renovar os seus contidos.
QUEN?
Somos seis e estudamos xornalismo. Queríamos traballar a diario, pero decidimos que sendo seis, con que cada un traballe un día á semana é suficiente. Iso si, estamos buscando a alguén que nos substitúa domingos e festas de gardar.
CANDO?
O primeiro día (luns) creamos a arte e a fotografía, a danza e o teatro, a maxia e os espectáculos na rúa, e, en definitiva, o OCIO URBANO.
O segundo día (martes) recuperamos os discos que xa eran imprescindibles cando nós nacemos e recompilamos os que o serán cando nazan os nosos fillos. Recuperamos o que de verdade pode chamarse MÚSICA.
O terceiro día (mércores) quixemos dar a volta ó mundo sen saír de Galicia. Percorrer as nosas cidades e os nosos corredoiras, ver anoitecer nas nosas praias e amencer nos nosos montes. O terceiro día quixemos falar de VIAXES.
O cuarto día (xoves) repasamos o mellor das salas de CINE. Os clásicos e as estreas, o de aquí e o de fóra, pero sempre a unha velocidade de 24 frames por segundo.
O quinto día (venres) enchémolo de libros, de contos, de historias. Atoparemos o recuncho para o ensaio, a poesía, a novela e o teatro, para a LITERATURA
O sexto día (sábado), de tanto traballar, entrounos a fame. Por iso adentrámonos nas cociñas das casas de comidas galegas, para ver os segredos da nosa GASTRONOMÍA. Pero no noso menú tamén collen as propostas máis innovadoras e arriscadas da nova cociña, ademais de curiosidades do mundo culinario.
E o sétimo día (domingo) descansamos.
ONDE?
A nosa sede central é a Sala Wifi da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, aínda que tamén temos unha oficina na cafetería.
A nosa idea é seguir por aquí ata que nos licenciemos. Despois, se o noso proxecto acada unhas cotas de éxito proporcionais ó esforzo que puxemos na súa creación, trasladarémonos a unha super sede, como se dunha gran empresa comunicativa se tratase. Porque, que carallo!, onde traballamos tamén importa.
COMO?
O acceso aos nosos contidos será libre durante unha semana, pero ao actualizar cada sección desaparecerá o texto anterior. A nosa idea é que o noso non sexa un deses blogs que a xente mira de pasada, senón unha fonte de información case diaria, pensada para un público mozo que quere e merece algo novo cada día.
O noso obxectivo é chegar a un lector fixo, fiel, asiduo, que consulte o noso blog como un medio de comunicación máis. Para manter informados aos nosos seguidores imos empregar o correo electrónico, de xeito que cada un poderá “subscribirse” á sección ou seccións que máis lle interesen co fin de ser informado das actualizacións que nelas se vaian facendo e do contido das mesmas. Ademais, este sistema permítelle ao lector solicitar o envío de calquera dos textos que xa non estean dispoñibles na rede.
POR QUE?
Porque estamos fartos de que as librerías estean construídas sobre pilas de El niño con el pijama de rayas. Porque nos resulta difícil vivir cos 40 Principais de música de fondo. Porque Mcdonalds non é a nosa opción e tampouco entendemos que é iso da “nouvelle cuisine” (e non sabemos se queremos facelo). Porque os amores de instituto americano non teñen moito que ver coa nosa idea de cine, e os éxitos xa non garanten nada. Porque o ocio está ao alcance de tódolos petos. E porque o paraíso pode estar nas Rías Baixas.
Porque sabemos que non che gusta ser un máis, que buscas outra cousa, que non es o de sempre.
Comentarios recentes